Oficios tradicionais e ambulantes >Albardeiros
 
Comentado por Juan Pulgar Fernández

   O mesmo que noutros oficios ambulantes a aprendizaxe do oficio era de tradición familiar. Dende moi novo seguíase ó pai ou a un familiar por montes, vales e terras chas buscando traballo e aprendendo o oficio. Ós 18 ou 20 anos supoñíase que aprendera o necesario e o aprendiz convertido en mestre independizábase.
   A campaña comezaba a mediados de febreiro según o tempo que facía e a neve dos camiños. Íase andando ou ben con cabalo. Saíase o mencer, nun día ata Sas de Penelas onde se durmía en casa Pedro, a continuación, en xornadas parecidas íase ata o Bierzo, León, Zamora, Asturias, Lugo, etc.
   Volvíase por San Pedro ou ben a mediados de Xullo que era a festa de Castro Caldelas e as veces facíase outra saída en Setembro ata pouco antes do Nadal.
   O resto do tempo tíñase que traballar a terra POIS DE NON FACELO comíase en pouco tempo o pouco que se gañaba. A ganancia era pequena, en 1955 gañábase entre 6.000 ou 7.000 pesetas. No Bierzo gañábase máis pois os bercianos vendían froita, uvas, productos da horta, traballaban máis cos cabalos e polo tanto precisaban máis albardas. Os materiais mercábanse nos Diéguez, Curtidos Blanco e outros. Dende os pobos da montaña íbase andando ata Esgos onde se collía o Mangana. Mercábase o material, sobre todo coiros de distinto tipo. Nas ferreterías mercábase as ferramentas necesarias (coitelos de una e de media lanza, tesoiras, martelos, agullas, etc.). Á volta deixábase na casa da Sra. María ou no Pepe Chisco e cos cabalos levábanse ata os pobos.
   Os camiños a percorrer eran malísimos, as aldeas e pobos moi pobres. Era difícil atopar traballo e moitas veces éste atopábanse nas feiras. Ás veces resultaba problemático atopar aloxamento para durmir. Pedíase por favor, con moita amabilidade, ensinando o carné de identidade e se a pesar diso non se atopaba lugar para pasala noite, había que falar co pedáneo pois obligatoriamente tiñan que dar habitación.
   A comida facíase no lugar onde se traballaba , era prato único algunhas veces acompañado de viño, inda que as veces había dificultades para poder pagala comida, pois pasaba tempo sen que se fixese traballo algún, de ahí que cando a reparación era pequena non se cobraba nada, pois xustificábase coa comida ou coa habitación para durmir.

  O traballo facíase durante o día, de sol a sol, en inverno saíase ás nove da maña ata as cinco do serán mentras que no verán voltábase ás veces ás dez da noite. Percorríanse de 25 a 30 kms. en inverno e ata 40 kms no verán. Coa familia había pouca relación, recibíase unha carta nun lugar determinado ou se chegaba algún amigo. Había veces que non se recibía ningunha comunicación en toda a campaña. Un comunicante de Os Pensos di "empecei a ir de albardeiro no 1940 na zona de Chaves cando tiña 9 anos co meu pai, cun pantalón curto. Miraba como traballaba e así fun aprendendo o oficio. Deixeino en 1965 que marchei a Suiza, pero ó voltar en 1985 seguín no oficio na zona do Bierzo, Castro Caldelas, Quiroga, Manzaneda, etc. ainda que cada vez con menos traballo."

Facíanse pezas novas para:

- cadeiras, Facíanse poucas pois viñan de fóra mellor traballadas e máis baratas. Utilizábanas curas, médicos e señoritos.
- albardas, Facíanse moitas de diferentes tamaños e tipos. Confeccionábase a armadura de tela de saco ou arpilleira, Enchíase de palla, poníanse uns paos por medio para darlle consistencia. Cubríse con coiro que se adornaba con estrelas, clavos de metal dourado, coiro trenzado en tiras, etc.
- alforxas, Vendíanse moitas no Barco para levar auga ou viño.
- retranzas ou atafal, conxunto de correas de coiro que se pasaba pola parte traseira do animal para impedir que a albarda vaia para adiante.
- cincha, era unha banda de coiro que sostiña a albarda por debaixo do animal.
- collarón, Poñíase no pescozo do animal.
- cabezada, podía ser máis ou menos complicada, con ronzal de coiro ou cadea. Soían ir adornadas con tiras de coiro, con lazos de cores.
- antojeras ou bridóns, para impedila visión lateral do animal.

   Tamén se facían toda clase de reparacións desas mesmas pezas. O material empregado dependía da peza.
- pel de becerro ou de touro para o carro, collarón, retranza ou cadeira.
- pel de becerro máis fina para a albarda.
- pel de ovella ou becerro e incluso de coello para a badana.
- seda para cribar fariña, centeno, millo, etc.
                              Ademáis fío de cáñamo, agullas, cera fría para engraxar a pel, sobela ou lerna, peinador para facer o burato máis ancho para pasar peles finas, picas para facer buratos, sacabocados, argollas, clavillos dorados para decorar, campaniñas, cuchillas de uñeta ou de media lua, etc.
   Ás veces, ademáis de albardeiro facíanse outras actividades complementarias, estañar, arreglar paraguas, facer cribas.
   O oficio desapareceu cando o coche sustituiu ó cabalo como forma de transporte. O albardeiro continuou coa tradición de marchar lonxe para buscar traballo e comenzou a emigración a Europa. Como me dicía un albardeiro que recorrera media España e media Europa con pena e a voz con rabia "A xuventude non quere aprender o oficio".
 
Voltar a Oficios tradicionales e ambulantes