Oficios tradicionais e ambulantes > Cordeleiros
 
Comentado por Juan Pulgar Fernández

   A profesión de Cordeleiro está relacionada co traballo da sega. É sabido que os segadores galegos eran os preferidos para esta laboura xa que eran os máis traballadores, tiñan as fouces sempre preparadas, moi afiadas, segaban a man deixando a gavela en ringleira para facelos feixes. Estes feixes atábanse coas cordas de sisal ou pita encordada que viñan nun novelo. Daquela aproveitábanse eses cordeis que resultaban de cortalos monllos das segas e gardábanse en grandes cantidades para ser empregados coma materia prima.
   Nun principio, o cordeleiro viaxaba a pé ó igual cos demáis traballadores ambulantes, pasando a "raia" entre Galicia e Castela, atravesando vales e montañas. Na década dos cuarenta comeza a irse en tren, en grupos de tres ou catro, dos cales un era o xefe e os outros os aprendices con idades comprendidas entre os 14 e 18 anos. O normal era cos equipos sairan formados de Galicia, sendo membros da mesma familia, ou parentes do mesmo pobo ou arredores.
   A campaña duraba uns oito meses, dende a primavera ata ben avanzado o outono, do marzal a novembro e ás veces ampliábase a 10 meses, logo voltábase a casa para axudar nas labouras do campo, ata que comezaba a nova campaña. Traballábase tódolos días da semana, tódolos días do mes, incluso os domingos pola mañá comezando as oito da mañá ata que escurecía, e pagábase unha vez rematado o traballo. Os axudantes daban o diñeiro gañado ó cabeza de familia, pois a casa estaba moi necesitada.

   A corda preparábase da seguinte maneira:
   Collíanse dous anacos de corda polo nó, igualábanse en mazos de 200 grs. aproximadamente, atábanse, colocábanse no talleiro e cortábanse coa machada dun so golpe tódolos nós. Humedecíanse e comenzábase a fiar. Este traballo era necesario para poder comezar, por iso facíase en horas perdidas, pola noite, nos días de moito calor, os días de choiva, inda que en Castela había poucos. Para fiar, collíanse varias cordas xuntas que se introducían na máquina manual que tiña varios ganchos, en cada un dos cales colocábase unha corda. A corda tiña distinto grosor según se quixera, pois dependía do tamaño o que se axustaba. O dono da leira axustaba o groso según para o que se necesitase, por iso o grosor podía abalar de ancho dun dedo ata o dun brazo. Una vez cortados os nós, collíanse varios monllos e atábanse á cintura e comenzábase o traballo en prazas, na eira, nas ruas longas, etc.
   A corda facíase de catro fíos, que era a corda mellor feita e de máis consistencia. Cando había presa e o dono da leira non esixía un grosor determinado, facíase con tres fíos, xa que interesaba facer moitas no menor traballo posible, ó pagarse por kilo.

   A máquina de fiar podía ser de madeira ou de ferro, constaba dunha tabra con tres buratos por onde pasan tres ferros en forma de manivela, cun extremo dobrado en especie de gancho. O mando dos ferros introdúcese nos buratos doutra tabra que se move cunha man. Os ganchos dos ferros terman dos fios que se queren torcer e polo outro extremo préndense a unha peza de madeira ou ferro con soporte, ó carro, que se asegura ó chan cunha pedra enriba. Entre os fios, normalmente tres, colócase a corcha, peza troncocónica con tres canais polos que pasan os fios. A corcha colócase o máis preta posible manténdose a corda tirante. Fanse xirar os fios a un tempo, según se vai torcendo a corda disminúe a lonxitude sendo necesario ir axuntando pouco a pouco ó carro.

Máquina para trenzar cuerdas

   O material utilizado era:
- Liño, moi abundante en Galicia.
- Cáñamo; era moi escaso, pois a súa distribución estaba controlada polo Estado.
- Bacada, parecido o cáñamo, importábase de América e de Filipinas e mesturábase con "pez" para que fora máis resistente.
- Pita, importada da península do Yucatán (México), inda que tamén se cultiva en España na variedade agave americana.

Clases de cordas:
- Ramais, para cabalerías.
- Rendas, para cabalerías.
- Cordas estrinkes,moi grosas, para remolcalos tractores.
- Redes para carros.

   Modo de traballo:

Realizábase da seguinte maneira:
- Mutilo: daba á roda, ou á máquina cando tiña que traballar cordas máis gruesas.
- Naceiro: fiaba.
-Labrante: fiaba tamén.
Despois de fiar, o labrante dáballe o ferro do carro, porque na máquina ó darlle á manivela os fios ían encollendo e se era pouco o peso collía galanas (facíanse nós) e había que poñer un peso. O traballo tiña que ir acompasado, cando o naceiro retraía un pouco o cepo rompíase a corda, polo tanto tiña que levar o compás do labrado da corda. Un dos informantes lembra que no 1936 no lugar en onde estaba colocada a roda na rúa, caeu unha bomba de aviación que destruiu o lugar. Durante a guerra seguiuse traballando a pesar do percance, mentres existiu materia prima.

   Cordas máis solicitadas:
- Reatas: para atalas cargas na cabalería, tiña como medida 14 varas.
- Cordeis para atalos sacos.
- Maromas: para por ó redor dos carros para suxetalas redes.
- Fondas: para enganchalas bestas ó carro, dunha parte enganchábase ó xugo e por debaixo do peito da cabalería ó outro extremo do xugo para que non pinara o carro.
- Rendas ou ramais. Ademáis, inda que menos corrente, calquer tipo de corda que lles encargara.  
 
Voltar a Oficios tradicionais e ambulantes