|
||||
|
Despois do afiador, vai se-lo oficio de Quincalleiro o que tivo máis seguidores entre os ambulantes ourensáns. Tal abundancia debeuse, en parte, a que apenas é necesario un previo aprendizaxe para practicalo.
|
||||
|
A quen quixera ser quincalleiro bastáballe con facer un caixón de madeira adecuado suficientemente amplo para colocar nes as baratixas mercadas nos almacéns dalgunha cidade ou vila urbán, principalmente xogos de pendentes, cadeas, aros, agullas, peines, navallas, tesouras, xabóns de afeitar e de se lavar, máquinas de corta-lo pelo, etc., e botarse con él ó lombo a vendelas de casa en casa polas aldeas da zona escollida para desenrola-la profesión.
|
|
|||
|
Igual que o afiador, no que o texto básico empregado era o seguinte:"¡Plateroo!, "¡Pendientes, jabones, agujas, cadenas, pendientes!", ¡El plateroooo!.Por tódolos municipios comprendidos na zona de estudio atopamos campesiños que nos dixeron terse adicado a esta profesión, se ben foi nos de Nogueira de Ramuín, e de Esgos, onde máis quincalleiros encontramos.
O 83% dos quincalleiros identificados por nós proceden dos dous municipios sinalados de Nogueira de Ramuín (50%), e de Esgos (33%). E dentro deles, as Parroquias de San Pedro de Rocas (Esgos) con 14 quincalleiros, e a de Santiago de Cerreda (Nogueira de Ramuín) con 11, sobresaen como os centros rurais dos que maiormente proceden os quincalleiros ourensáns, seguidos, xa de lonxe, de San Salvador de Loña do Monte que proporciona 7, e de Santa Cruz de Rubiacós con 6 quincalleiros identificados. |
||||
|
Normalmente nunca se empezaba o oficio de "quincalleiro" sen a presencia dese profesional experto chamado "o práctico" polo noso informante principal. Este "práctico", "amo" ou "naceiro", é o encargado de introducir ó novo profesional pola área de acción desexada, que pode ser a súa ou unha moi próxima a ela. Ó seu lado coñecerá os camiños que conducen ás respectivas aldeas, así como as principais tabernas e pensións da zona nas que se pode comer e durmir. Ademáis desto, o novo profesional vai recibindo do experienciado quincalleiro todo o referente á práctica, e ós pequenos misterios do oficio que poden variar de zona a zona, conforme as diferenciacións de habitat, economía, lingoa, e demáis especificidades propias dos respectivos ámbitos de acción profesional.
En compensación a todas esas enseñanzas de trato coa xente da zona, de consellos profesionais, de protección profesional, etc., se o aprendiz de quincalleiro é aínda un rapaz deberá adicarse a vender durante as primeiras saídas a mercancía do amo, quen o pode premiar cun mínimo soldo. Pero se xa se trata dun mozo, as mercancías e ganancias serán propias de cada un, e o "práctico" limitarase a orientar ó compañeiro para que aprenda dél os pequenos segredos do oficio esixíndolle, a cambio, tan só a obediencia mentras permaneza baixo a súa orientación. Ademáis dos recorridos habituais polas aldeas comprendidas na área do traballo, as diferentes feiras que se celebran polo contorno constituirán uns apreciados enclaves nos que se irá desenrolando a profesión. Os quincalleiros leveban a elas a súa mercancía e pasaban o día ofrecéndoa ós paisanos. Pero as feiras locais constituían, ademáis, unha excelente ocasión para xuntarse os diferentes profesionais da ambulancia que percorrían cada zona; nelas cambiábanse impresións, comunicábanse noticias, e practicábase "o barallete" mentras se tomaba unha cunca de viño cando as vendas o permitían facer. Moitos dos nosos informantes chegaron a vellos sen baixar do seu lombo o "caixón da quincalla", pero outros tan pronto como puideron xa se compraron unha besta, ou unha mula, sobre das que se transportaban as mercancías e, cando era posible, o vendedor. Tamén houbo quincalleiros que, dun xeito similar ó protagonista do relato, chegaron a facerse cunha furgoneta que lles posibilita un máis cómodo transporte, unha maior capacidade de carga e variedade de mercancía, e unha residencia case permanente nun dos centros da área de acción profesional; pero cando xa se alcanza este grado de progreso, á venta directa polas portas daráselle moita menor importancia cá que se efectúa polas feiras e mercados periódicos dese entorno rural. Mentras espera a chegada das diferentes feiras locais, o quincalleiro mecanizado segue percorrendo as aldeas, tabernas, e demáis establecementos rurais abastecéndoos das mercancías que precisan, chegando a convertirse, moi a miudo, nun mero intermediario entre o maiorista urbán e estos detallistas rurais. Se todo transcurrise conforme o esperado chegará o momento en que o esforzado quincalleiro poderá ver cumplido o seu desexo de instalar unha tenda de xoguetes, bisutería e outras miudencias, nalgún dos centros urbáns da zona de acción profesional, ou na capital da súa provincia natal. Por esta elevada aspiración soamente algúns quincalleiros foron capaces de a conseguir. En canto ós demáis voltarán a incorporarse ós labores agropecuarios propios do seu fogar aldeán. |
||||
Texto recollido do libro: "Cinco profesións ambulantes ourensáns" de Xosé Antón Fidalgo Santa Mariña e Faustino Rodríguez Taboadela. Cuadernos do laboratorio ourensán de antropoloxía social. Serie Galicia Campesiña, 2. Publicacións CAIXA RURAL DE OURENSE. |
||||
| Voltar a Oficios tradicionais e ambulantes | ||||