CAMPO DE TRABALLO - LAIOSO 2007

O campo de traballo que se levou a cabo en Laioso estaba integrado na Campaña de verán 2007 da Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade, (Secretaría Xeral de Benestar, Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, Xunta de Galicia).
A xestión do campo foi a cargo de GANEDA (Galega de animación, educación e ambiente), responsable tamén da xestión do albergue Abeiro de Vilar de Ordelles.

Elaboráronse dúas equipas de monitores para atender dúas quendas marcadas pola administración autonómica, a primeira entre o 1 e o 15 de agosto, e a segunda entre o 17 e o 31 do mesmo mes.
Na primeira quenda tomaron as rendas do campo o director e dous monitores, e na segunda o director e tres monitores máis outro monitor en fase de prácticas. A presenza dun monitor a maiores na segunda quenda estaba xustificada pola participación dun mozo de Vigo que ocupaba unha praza de integración asignada pola administración autonómica (servizos sociais). Á primeira quenda asistiron 14 voluntarios procedentes de Andalucía, Murcia, Valencia, Madrid, Aragón, Asturias e Galicia. Á segunda, 12 voluntarios procedentes de Euskadi, Catalunya, Canarias, Castela e León, Valencia e Galicia.

Entre os obxectivos específicos do campo de traballo estaban o de recuperar para uso lúdico o entorno do río do Grañal (afluente do río Loña) ó seu paso polo lugar de Laioso, no concello de Esgos; aplicar tratamentos de mellora e protección das estructuras de madeira do entorno de traballo; mostrar ós participantes o entorno natural e cultural do concello de Esgos; mostrar ós participantes o entorno natural e cultural da península do Barbanza, Santiago de Compostela e a Fervenza do Toxa.

E entre os obxectivos xerais, promover unha vida sana e de respeto co medio ambiente; fomenta-la cooperación e o desenvolvemento das aptitudes persoais, facilitando o desenvolvemento da persoa e as relacións de grupo; incrementa-la cooperación, o respeto e coidado dos valores naturais e a valoración positiva dos demáis; concienciar ós participantes no valor do traballo; familiarizarse co emprego de ferramentas e técnicas axeitadas para levar a cabo o traballo. O remate do campo de traballo víronse cumpridos tódolos obxectivos. O bo clima de convivencia foi outra das cuestións salientables do campo de traballo, así como a boa sintonía coa xente do entorno, manifesta na participación dos voluntarios nunca chea de actividades programadas polo concello de Esgos con motivo das festas do mes de agosto.

O concello de Esgos estivo sempre a disposición do campo de traballo, tanto nas tarefas diarias (albergue, traballos en Laioso, limpezas de camiños…) como nas facilidades á hora de participar nas actividades programadas para as festas, sen esquecer os detalles en momentos puntuais (convidar a cear, acceso gratuito ás piscinas municipais, acceso gratuito ó forno restaurado en Melón de Abaixo…). Noutras ocasións foron os propios veciños os que facilitaron o desenvolvemento de moitas actividades (visita ó muíño do Suso, en Folgoso; almacenaxe da ferramenta na propiedade privada do Antonio; charlas dos veciños de Vilar de Ordelles, amosando as súas propiedades; leña cedida por veciños de Vilar…).

En definitiva, o campo de traballo contou coa colaboura do Concello e dos veciños, facendo posible o desenvolvemento de moitas actividades de interese.
O entorno do campo de traballo permitiu, pola súa beleza e posibilidades, o desenvolvemento doutras actividades, como o sendeirismo (Camiño Real e outras sendas, actividade moi ben asesorada por Carlos e Camilo), as excursións a Niñodáguia (o alfareiro Agustín abriunos as portas do seu taller) e á Ribeira Sacra (con viaxe no catamarán e visita ó mirador de Parada do Sil).
Outras excursións programadas tiveron como destino a cidade de Ourense, a península do Barbanza, Santiago de Compostela e a Fervenza do río Toxa. Como pode verse nas fotos, o complexo fluvial de Laioso foi obxecto dunha fonda transformación visual para desfrute de todos aqueles que o queiran visitar. Na opinión tanto dos voluntarios como dos monitores é tarefa a seguir do concello de Esgos non deixar que volte a maleza e o estado de abandono do sitio, comezando por instalar contenedores ou recipientes para o lixo e levando a cabo inspeccións e turnos de traballo periódicos para a súa conservación.